top of page
bar-de-hamburguesas.png

FORO DE 
INTERNACIONALIZACIÓN 
DA DANZA

8 XULLO 
AMES

9 XULLO
OUTES

FORO DE INTERNACIONALIZACIÓN DA DANZA 2026

​​​​

Os días 8 e 9 de xullo de 2026, os concellos de Ames e Outes acollerán unha nova edición do Foro sobre a Distribución Nacional e Internacional da Danza en Galicia, unha iniciativa impulsada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Centro Coreográfico Galego, coa coordinación de ISMO Cultura e o apoio de Escena Galega.

O foro nace como unha acción complementaria ás estratexias de promoción exterior que veñen impulsando a presenza da danza galega en plataformas internacionais como Quinzena de Almada, Cádiz en Danza ou Dansa València. Nesta ocasión, a proposta fai o movemento inverso: recibir en Galicia a programadores/as, responsables de festivais, redes de distribución e medios especializados para compartir con eles o noso contexto creativo e favorecer novas oportunidades de circulación.

Ao mesmo tempo, o encontro pretende situar Galicia como un espazo de referencia para o pensamento, a creación e a exhibición da danza contemporánea, xerando un contexto de interese no panorama estatal no que o territorio, as compañías e os seus ecosistemas de traballo se convertan tamén en protagonistas.

Ademais, máis que un mercado profesional, o foro propón unha experiencia de convivencia baseada no anfitrionismo, no coñecemento directo do territorio e na creación de relacións profesionais duradeiras a través do tempo compartido.

​​​

​​

ANTECEDENTES​​

​

A primeira edición do foro, celebrada en 2025, reuniu máis de 60 profesionais da danza entre compañías, programadores/as, representantes institucionais, redes de distribución e medios especializados, consolidándose como un espazo de encontro e intercambio profesional arredor da circulación da danza galega.

​​​

​​​​

PERSOAS CONVIDADAS​​

 

O encontro reunirá responsables de plataformas internacionais, festivais, redes de distribución e medios especializados do ámbito ibérico e europeo. Entre as persoas convidadas atópanse:

Ademais, participarán programadores/as galegos, compañías asociadas a Escena Galega e outros axentes do sector cultural.

8 de xullo

ames

​​​

​

í PRAIA DE TAPIA  ​​

​​

12:30 h  |  RECEPCIÓN E CAFÉ DE BENVIDA.
Se chove: Casa da cultura de Bertamiráns

​​​​

13:00h  |  SHOWCASES

MONTE - VERSIÓN ESTENDIDA (EXTRACTO)

SHOWCASE FORO

Laboratorio Escénico  |  Galicia

​​​​​​​​​​​​​​

Duración: 10’

Dirección e coreografía: Maura Morales (adaptación de Alba Fernández e Ana Beatriz Pérez)
Interpretación: Ana Beatriz Pérez, Alba Fernández e Alicia López

Sinopse

MONTE – Versión Estendida é unha peza de danza e música en directo que nace das historias de mulleres e fronteiras, tomando o corpo como única equipaxe. Mulleres que deixan atrás a terra coñecida e aprenden a habitar outras, transformándose no tránsito entre culturas. O monte convértese nun espazo simbólico onde memoria, espiritualidade e tradición se entrecruzan, revelando un territorio compartido entre o visible e o oculto. A través do movemento, o corpo funciona como un arquivo vivo dunha identidade híbrida que se reinventa constantemente. En ABANEA preséntase un extracto desta creación, interpretado polas tres bailarinas da peza.

​

Traxectoria da compañía

Laboratorio Escénico é unha compañía galega de artes escénicas creada en 2019 baixo a dirección de Alba Fernández, Alicia López e Carmen Cotelo. O seu traballo caracterízase pola creación de espectáculos que combinan danza, teatro e música para abordar temáticas sociais desde unha linguaxe contemporánea e multidisciplinar. Actualmente conta con sete producións en xira e desenvolve tamén unha intensa actividade de formación, creación e investigación desde o espazo Laboratorio Escénico Coop, sede da compañía na Coruña. Para MONTE – Versión Estendida contaron coa dirección artística e coreografía de Maura Morales, coreógrafa cubana afincada en Alemaña, enriquecendo a proposta cunha mirada internacional e profundamente conectada coa poética do corpo.

MAIS 

ACOMPAÑAMENTO ENREDE ABANEA

Martín Blanco  |  Galicia

​​​​​​​​​

Duración: 11’

Coreografía e direción: Martín Blanco e Carlota Rosón Rojo

Intérprete: Martín Blanco

Sinopse

Mais é unha peza de danza, acrobacia e clown para un único intérprete. A obra explora dúas realidades paralelas: a do presente e a de soñar espertos, ese espazo imaxinario ao que acudimos cando ansiamos aquilo que non temos. Entre desexos, expectativas e proxeccións, o protagonista transita entre a realidade e a fantasía na procura dunha versión diferente de si mesmo.

​

Traxectoria da compañía

SÖA é un proxecto escénico galego creado por Martín Blanco, Marta Velázquez e Carlota Rosón Rojo, que combina música, danza e teatro nunha linguaxe propia. O colectivo participou en festivais e residencias artísticas en Galicia, Cataluña, Madrid e Portugal, desenvolvendo o seu traballo en espazos como a Casa del Teatre Nu, a sede da Compañía Nacional de Danza ou o programa de residencias Atopémonos Bailando. Co espectáculo Coa cabeza nas nubes formaron parte do programa Da Man e das Residencias LAC do Centro Dramático Nacional. En 2026 recibiron o Premio ao Mellor Espectáculo no festival Imaginarius (Portugal).

íPAZO DA PEREGRINA  |  BERTAMIRÁNS


16:00 – 16:30h  |  RECEPCIÓN


16:30 – 18:00h  |    CIRCULACIÓN NACIONAL E INTERNACIONAL DA DANZA CONTEMPORÁNEA: DE ESPAÑA A EUROPA.

Participan:
Atanas Maev · Moving Balkans
Fernando López Rodríguez · Dance From Spain / FECED
Belisa Braças · Instável Centro Coreográfico (Porto)
Modera: Paula Quintas, IS·MO Cultura.


18:00 - 18:30h  |  PAUSA-CAFÉ


18:45 – 19:45h  |  NETWORKING: ESPAZO DE PRESENTACIÓN DE COMPAÑÍAS E PROXECTOS GALEGOS.

​​

​

​​

​

​

​​​

9 de xullo 

outes​​​

​

 

í CLUB DE PIRAGÜISMO


13:00h  |  SHOWCASE​​​​

SOLASTALGIA

SHOWCASE FORO

Corpo Liminal  |  Galicia - Madrid

​​​​​​​​​​​​​​​

Duración: 20’
Coreografía e interpretación: Ana Erdozain e Alba González

Sinopse

Solastalgia é un dúo de danza contemporánea que propón unha reflexión sobre a adaptación, a memoria e a identidade en contextos de crise medioambiental. A través dun percorrido por paisaxes alteradas, os corpos transitan entre a resistencia e a resignación, cuestionando a nosa capacidade para seguir habitando aquilo que xa non recoñecemos. Como continuar cando o mundo que lembramos desapareceu?

​

Traxectoria da compañía

Corpo Liminal é un proxecto de danza contemporánea creado por Ana Erdozain e Alba González, nacido da vontade de construír un espazo de investigación artística compartida desde unha perspectiva multidisciplinar. As súas creacións integran movemento, son, texto, vestiario e audiovisual como elementos activos da dramaturxia. Desde 2016 desenvolven un traballo continuado presentado en teatros, espazos independentes e festivais estatais. Entre as súas pezas destacan Las Doradas, Centro de Giro e Solastalgia, estreada no Festival Ellas Crean de Madrid en 2025 e presentada posteriormente en diversos festivais nacionais.
 

​í CASA DA CULTURA


14:00h  |  SHOWCASE​​​​

DANZALISMOS

SHOWCASE FORO

VACAburra  |  Galicia 

​

​Duración: 15’​​​​​​​​​​​​​​​​

Creación, dirección e interpretación: VACAburra (Andrea Quintana e Gena Baamonde)

​

Sinopse

DANZALISMOS é unha conferencia escénica performativa na que Andrea Quintana e Gena Baamonde comparten o universo creativo de VACAburra desde o humor, a acción e o corpo en movemento. A través dunha proposta híbrida que combina palabra, performance e danza contemporánea, a peza percorre os principais eixos de investigación da compañía: a diversidade, a disidencia, a recuperación de xenealoxías esquecidas de mulleres e as posibilidades expresivas do corpo como espazo político e poético. Un convite para achegarse ao seu imaxinario desde un formato próximo, lúdico e profundamente contemporáneo.

​

Traxectoria da compañía

VACAburra nace en Galicia no ano 2019 como unha plataforma de creación contemporánea impulsada por Andrea Quintana e Gena Baamonde. O seu traballo caracterízase pola hibridación de linguaxes escénicas, o feminismo, a diversidade sexual e de xénero, o humor e a investigación teórico-práctica, situando o corpo como principal motor da creación. Ao longo da súa traxectoria desenvolveron pezas como O raro é que bailar sexo raro, Metodoloxías Carroñeiras para Corpos Invertidos, Familia Nijinska e Festina Lente, propostas que cuestionan as narrativas hexemónicas e exploran os cruces entre danza, pensamento crítico e creación contemporánea, convertendo o movemento e o vandalismo en ferramentas metodolóxicas para imaxinar outras formas de habitar o mundo.

​í CARBALLEIRA CASA DA CULTURA


16:00 – 16:30h  |  RECEPCIÓN


16:30 - 18:00h  |    MESA: A DANZA GALEGA DENDE UNHA MIRADA EXTERIOR.

Participan:
Lorena Benot · Cádiz en Danza
Jimena Rodríguez · Danza Xixón
Mercedes L. Caballero
Modera: Marta Alonso · IS·MO Cultura


18:00 - 18:30h  |  PAUSA-CAFÉ


18:30 - 20:00h  |  MESA: COMO FORTALECER A PRESENZA DA DANZA GALEGA NOS MERCADOS NACIONAIS E INTERNACIONAIS.​​​​

Participan:
Pilar Portela · AGADIC
Natividad Buil · Festival Trayectos / Red Acieloabierto

Carmen Pico · Coordinadora de Artes en Vivo no Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM) do Ministerio de Cultura
Fernando López Rodríguez · Dance From Spain / FECED
Modera: Fran Sieira · Escena Galega

Logos.png
bottom of page